Galupín

31, 10, 2005

Mariza. Auditorio de Galicia. 30.10.2005

mariza Primeiro, un consello para desavisados. Se algunha vez acudides ao Auditorio a escoitar música, comprade os billetes para butacas situadas da mitade da platea hacia atrás. Evitaredes que vos estrague a audición o eco da sala, que chega con un pequeno retardo e resulta molestísimo. Evitade tamén sentarvos nos extremos das filas dianteiras, a ambos lados do palco, o son é pésimo. Eu acabo de ver o concerto de Mariza nesas condicións, e non llo recomendo a ninguén. Porén, e pese a todo, o caso de Mariza é un portento que non se pode perder.

Mariza ten unha voz prodixiosa e garrida, potente no ‘brado’, limpa nos delicados pianísimos, expresiva no dicir, doce, elegante e afinada mais sen perder a expresividade fadista e tabernaria. Borda o fado tradicional -non vou ser eu que a compare coa Amália- pero tamén é versátil para iniciar novos camiños musicais, composicións que van desde o folcrórico, as novas músicas ou mesmo a versionar ao Zeca, con solvencia e categoría. Na súa fulgurante carreira aínda tivo tempo de lograr unha presencia interpretativa, un dominio do espazo escénico e unha capacidade de comunicación que asombran. Toda unha figura. Unha cantora con todas as letras e por moitos anos. Na miña cativa situación como espectador, teño que resaltar como mellor momento do espectáculo aquel no que, prescindindo do micrófono, conseguiu encher a sala de viva voz, convertindo o enorme auditorio nunha casa de fados auténtica. A Mariza sóbranlle recursos. Ademáis dos xa mencionados, tamén a intelixencia. Só así se entende que alguén que gaña ao público desde que pon o pé no palco, sexa quen de establecer unha relación tan directa e descontraída coa xente, e evitar caer no divismo. Porque Mariza ten cualidades de diva. E eu vin aí algún perigo. Ás veces, mesmo parece que as cancións lle quedaran pequenas, e en algúns momentos chegou mesmo a caer en certa ’sobreactuación’ (retardar demasiado os versos, prolongar as pausas dramáticas, reiterar os pianísimos) só que, de momento, nada grave, aínda dentro do bo gosto e resolto con sobrada solvencia e elegancia. Esperemos que non caia nesa tentación e coa excusa de ‘crear’ unha ‘personalidade’ distinta e característica, tenda a teimar nese tipo de tics. Nin falta que lle fai. Xa é fenomenal, e o camiño que ten por diante, tanto dentro como fóra do fado, é unha das aventuras máis prometedoras e emocionantes que nos esperan no panorama da música cantada.






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here