Led Zeppelin vs. Xoan Paulo II
Todos lembramos os diferentes ataques que a igrexa católica ten lanzado contra certos grupos de rock, acusándoos de satanismo. Normal. Por unha parte, quen vai saber máis do demo que quen o inventou? E por outra, todos sabiamos tamén desde hai ben anos que certos discos escoitados ao revés revelaban mensaxes satánicas. O exemplo máis usado foi sempre a canción “Stairway to Heaven” de Led Zeppelin. Agora xa está na rede a confirmación da infalibilidade da igrexa, para rexouba dos satánicos roqueiros.
En todo este asunto, eu sempre estiven de parte da igrexa. Para que cifrar as mensaxes? Por que darlle máis voltas e revirar as palabras? É moito mellor falar ao revés directamente, arte na que o papa se vai superando cada día que pasa (lástima que lle estraguen as performances con eses simulacros de traducción simultánea), e as mensaxes satánicas pois dicilas ben clariñas, ou mellor, escribilas, como fai no seu último libro, no que, entre outros alegatos demoníacos, compara o aborto ao holocausto.
