Cartas desde Hollywood
Lin Cartas desde el infierno en 1996. Ramón Sampedro tiña a capacidade de enunciar o problema da liberdade cunha claridade intelectual e expositiva inusual. O problema da eutanasia sempre nos chegou vestido coa túnica da moralina relixiosa, a toga da legalidade espesa ou o birrete intelectual. Ramón, o home deitado, o que ve as cousas desde abaixo, falaba, sen pudor, das bragas. En tantos anos de condena, aprendera a separar o gran da palla. Foi desbotando, unha a unha, todas as capas do disfraz e a verdade aparecía así, en bragas. Claro que os señores non estaban dispostos a discutir con el neses termos vulgares. Ramón insistía. Escribía cartas. Aos xuices, ao rei, ao papa. Cartas clariñas de sabio grego. E non llas contestaban. Negábanse a discutir con el. Nin sequera lle deixaron falar nun xulgado. Amargárono, aínda que, incríbelmente, non conseguiron acabar con ese humor espléndido que sempre tivo. Pero estou seguro de que o acto de liberdade que significou a súa morte non deixou de ter para el algo, moito, de derrota.
Vin Mar Adentro en 2004. Supoño que o filme intenta homenaxear a figura de Sampedro. Conségueo ata certo punto. É un melodrama, e como tal só é capaz de ficar na esfera das emocións e a sentimentalidade. Aínda que ás veces bordea o ridículo, os actores traballan con empeño e o guión intenta suplir con boas intencións o tratamento dun tema e unha figura que semellan quedarlle grandes. A música pareceume cativa. A trama, anecdótica. E…buf…creo que non vou seguir.
Alegrome, porén, que arrase por aí e que lle dean oscars. A ver se así a xente le os libros de Sampedro. O que me pasa a min é que son un iluso. O que quero é que alguén teña a decencia de respostarlle as súas cartas. Xa sei que iso é imposíbel. Vale, polo menos fixéronlle unha película. Éche o que hai.

Non vín a peli, pero polas cuñas promocionais sóame a explotación ñoña do sentimentalismo barato. O éxito dende logo non é nin prao cinema galego nin pra Galicia, mais que nada e algo holivudiense cun grande exito economico pro grupo empresarial de sempre.
Comment by rustico — 14, 3, 2005 @ 12:29 pm