Sísifo Beiras
Nin saber quero o que aí debeu pasar. Nin me interesa. Nin me veñades uns con que foi unha fachenda, unha arroutada, unha indisciplina ou un suicidio. Nin outros que se estaba queimado, que se a upg, que se a renovación, que se a idade, que se o quin. Diso nada. Arrepíame. Dame noxo. Marcho.
Galupín non é gregario, xa se sabe, e nunca entrou nesa casa. Mais Galupín non nega que lle arrimou uns votos o bng sempre que a súa dignidade non lle impediu saír de augas limpas e ir votar. Agora o Beiras marcha. Galupín repara agora en que realmente non sabe, nunca soubo, o que é de veras o bng pois non domina as ciencias da representación (nin simbólicas nin políticas) nas que se xoga este simulacro de democracia que temos. Galupín e o bng poden coincidir nese limbo difuso que é o galeguismo, comparten e defenden (ás veces de xeitos contradictorios) a súa lingua común. Alén diso, Galupín nunca conseguiu descifrar as claves da secta e sorprendeuse veces abondas das súas estrañas maniobras e das dispares ideas sobre a vida e a terra. Por que lle votaba entón?
Había alí un home que xogaba distinto. Non quería ser político. Cabreábase, ía en serio e non agachaba as cartas. Non era hipócrita. Non era arteiro. Ben se vía como e quen era. Eu nunca gostei do seu personaxe burgués e afrancesado, amolábame ás veces o seu verbo culturalista e a súa dialéctica crispada, aínda que no fondo lle dese a razón. Pero non ves que así non che van entender? Pero non ves que non podes mostrarte tan arrogante? Non ves que non podes saír na tele despois dunhas eleccións e botarlle a bronca a un país por non terche votado? Non ves que todo iso que ti fas é a antítese da imaxe pública dun político? E el veña. Sísifo. Aturando nas súas costas o peso dun empeño imposíbel, poñendo a cara para todas as ostias, iniciando o ascenso despois de cada trompada, demostrando que, incluso na vida política, pódese SER de outra maneira, da outra maneira. Galupín é animal senlleiro, pouco sociábel, un chisco bicho raro e desconfiado, e agora repara que igual lle votou algunha vez ao bng por ese outro bicho distinto que lle causaba certa empatía, polo Beiras.
Nin os seus maiores inimigos, de dentro e fóra da casa, van poder negar que ao final o Beiras, Sísifo, conseguiu carrexar a súa pedra ata alturas de dignidade que poucos imaxinaban. Só espero que, canso e desencantado, ao final do seu camiño, Sísifo non deixe rolar a pedra monte abaixo esmagando a todos aqueles que o acompañaron na subida. E espero que tampouco eles xoguen esa pedra fóra.
Galupín non é mitómano, nin fai culto á personalidade. Non é nin vello nin novo. Ollando desde a soleira, Galupín mira como na cociña da casa os novos obreiros desmontan a vella lareira para instalar unha vitrocerámica. E así non che hai maneira.
