Galupín

27, 4, 2005

Pagar por ler

Os libros son armasCheguei a este post por casualidade esta mañá. O contido non me chamou a atención especialmente, o número de comentarios si. Tentei seguir o fio, pero o interese foi minguando. Este tipo de discusións adoita converterse nun diálogo de xordos conforme as partes van extremando as posturas ou botando man de exemplos que non veñen a conto. Estiven a un tris, pero ao final non me ensarillei. Así e todo, durante todo o día non fun quen de tirar do miolo unha expresión do autor do artigo: “…os que se opoñen a pago algún por ler.”

Supoño que será a típica frase escrita con présa e sen demasiada reflexión, seguro que en realidade Jaureguizar non pensa que haxa que pagar por ler, pero é ilustrativa dos equívocos que sementan esta caste de debates. E ben mirado, esas confusións están no cerne do problema.

Ninguén, por moi demagogo que sexa, é quen de defender que haxa que pagar por ler ou escoitar música. É unha verdade de pata de banco e un sorpréndese enunciándoa, pero vivimos tempos nos que non queda máis remedio que lembrala. Tan mal está a cousa? Como chegamos aquí? Buf. É unha historia complicada, mais non tanto.

Primeiro hai que convir que cando un ser humano emite en público unha mensaxe descodificable pola comunidade (falar, escribir, compor música, deseñar…), a propia emisión cancela toda reivindicación de “propiedade” por parte do emisor. Se exclamas ‘Eureka’, escrebes ‘adiós ríos, adiós fontes’, compós ‘o gato metido nun saco’ ou pintas a Mickey Mouse, amigo, vaite olvidando. Iso xa é tan teu como do resto da humanidade. Ponte como queiras, xa non llo vas poder arrebatar a ninguén, non o vas poder recuperar e moito menos pedir cartos a cambio da túa ‘emisión’, porque tiveches a sorte de que se converteu nun patrimonio inmaterial e público. A xente éche así. Berrará eureka cando calle a mahonesa, recitará a Rosalía nas despedidas, cantará o gato cando vai chea e disfrazaráse de MM no antroido. Así, polo puto morro.

Habería que convir tamén que todo iso forma parte de aquilo que coñecemos como ‘cultura’. Nos tempos que corren algúns insisten en engadirlle un adxectivo antes innecesario: ‘cultura libre’.

Ora ben, o ecosistema no que se desenvolve actualmente a cultura -o ecosistema capitalista- condiciona a súa transmisión e o seu desenvolvemento. A emisión de obras culturais beneficiouse da capacidade industrial de reproducción e difusión, e converteuse nun fenómeno complexo no que entran en xogo multitude de intereses económicos. Unha obra pode converterse nun ben, en infinidade de bens eternamente replicábeis (o gato ou adiós ríos ou MM en lp, cd, dvd, mc, libros, revistas, antoloxías, traduccións, libros de texto, filmes, vídeos, merchandising, tebeos, souvenirs, etc.) É un proceso máxico. Temos o gato na casa. Podémolo escoitar mil veces, porllo aos amigos, emprestalo, lelo, transcribilo, aprendelo de memoria, acompañar coa guitarra. Estamos dispostos a pagar por el (polo ben, a obra non está á venda). E esa maxia é resultado dun complexo proceso industrial elaborado por profesionais cualificados e remunerados (productores, deseñadores, técnicos, artistas, fabricantes, distribuidores, comerciais). É nese contexto no que aparece -e ten sentido- no século XX o concepto de ‘propiedade intelectual’. É lóxico e necesario que das regalías derivadas da explotación industrial do ben, o autor da obra que deu lugar á matriz cobre como cobran os outros (case sempre menos e mediante mecanismos de recadación inxustos e hipercomplexos, aínda que disto xa falaremos outro día).

O conto é que neste contexto de difusión e reproducción masiva, corremos o risco de difuminar esa fronteira esencial entre a obra e o ben. Ninguén me pode criminalizar por cantar ‘o gato’ mentres tendo a roupa, aí non hai roubo ningún. Outra cousa é atentar contra o ben material (roubar un disco d’A Roda, por exemplo). Só que estes dous exemplos simples non resumen todos os matices que pode haber actualmente no polémico binomio obra/ben. E a cousa aínda se complicou máis coa masificación da dixitalización doméstica, sumada á Internet, que iniciaron un proceso irremisíbel polo cal a obra/ben se converte nunha virtualidade incorpórea e ubícua aínda máis difusa. A transmisión da cultura cambiou xa para sempre e non pode rexerse por categorías oportunas nun modo de producción industrial, e o debate establécese entre dous extremos utópicos: dunha banda aquel que previsualiza unha producción cultural libre de taxacións e a morte da propiedade intelectual; doutra o que persiste na blindaxe da producción cultural como transacción económica, proteccionista, refractario aos cambios, que teima en aplicar modelos industriais de propiedade e tributación estábeis nun contexto diferente e en continua mutación. Entre a revolución virtual das cultura ‘gratis’ e a apocalíptica resistencia dunha industria cultural caduca, cadaquén deberá ir tomando posicións. Aos primeiros, Galupín avísaos de que mentres non suceda unha revolución ‘real’ no ecosistema capitalista, fundamentado na propiedade como valor, van tardar en ver cumplida a súa utopía; aos segundos, que como noutros sectores productivos, o seu modelo operativo terá que sofrer unha drástica reconversión para continuar activo, que desde logo non pasa por reducir a poboación a meros consumidores, nin por insistir no aumento de tributos e pexas que coarten a circulación da producción.

Pexas e tributos son para min os canons sobre cds virxes, sobre bibliotecas, a regulación sobre patentes de software ou o irregular funcionamento dos organismos de xestión de dereitos.

Galupín pensa que non hai que pagar por ler. Le libros emprestados e empresta os seus. Fotocopia, escanea ou descarga da rede aqueles aos que non pode ou non quere acceder. Merca libros novos e de segunda man, moitos deles porque lle foron emprestados antes, ou os viu nunha biblioteca ou na rede. Tamén revistas e xornais, aínda que as máis das veces os lea nos bares ou na Internet. Cre que a biblioteca foi unha conquista orixinaria da Ilustración que procurou a universalización da cultura e non concebe como non todas son públicas e gratuitas, nin entende como a universitaria de Santiago non é de acceso universal. Entende que son unha ponte de acceso á cultura, non tanto aos bens materiais que a conteñen, e por tanto que non lle veñan con entelequias como o ‘lucro cesante’ (concepto que implica que por eu ter lido unha obra gratuitamente -emprestada, na biblio, na rede- estou causándolle unha perda ao fabricante do ben).

Os autores (algúns) teñen medo (menos que os editores, creo). Apenas conseguido un mínimo recoñecemento na industria cultural (son minoría os que receben dereitos e os que conseguen estabilizar a súa situación profesional), agora todo cambia outra vez. Que vai ser deles? Aínda ben que outros, menos remisos a asumir o ponto de vista do sistema patronal, adoptan con entusiasmo os novos medios ao seu dispor e unha actitude activa neste camiño sen volta que xa transformou a cultura para sempre.

4 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://galupin.blogsome.com/2005/04/27/pagar-por-ler/trackback/

  1. Entón, ¿un artista debe crear soamente co ánimo de compartir a sua arte, difundindoa, regalando a quen queira escoitar, ler, sentir?. ¿Se eu fose escritor e tivese unha novela rematada debería colgala en internet para que todo o mundo poidese apreciala?, mais, os escritores tamén comen, precisaría un traballo remunerado para vivir, e posiblemente así xamais remataría novela ningunha, ou polo menos, xamais acadaría a profundidade e coesión dunha obra redactada a tempo completo, a miña arte veríase menguada. ¿Cal sería entón a fórmula para vivir da miña arte mentras lla regalo a quen a queira ter?

    Comment by lifmialón — 4, 5, 2005 @ 11:38 pm

  2. Non. Un artista terá que crear e vivir como boamente poida. Coma sempre. Se quere fabricar e vender libros, terá que convencer a alguén (un editor no caso literario)de que invista na súa obra para obter un rendemento comercial. Só que agora tamén pode difundir a súa obra dixitalmente.

    O escritor debería facer o que quixer. Se escrebe novelas -o xénero literario máis comercial- pode tentar entrar no negocio do libro (convencer a un editor). Se non o consegue, pode pagarse unha autoedición ou colgala en internet, que é máis barato. Ler novelas nunha pantalla de ordenador non é moi atractivo (aínda que teña outras vantaxes: nun pc cabe unha biblioteca). Imprimilas en A4 facilita a leitura, mais é un formato feo. Quen sabe, quizais a disponibilidade dixital da obra poida estimular a demanda do ben: se un libro está moi ben e triunfa na rede pode causar a súa impresión. Cousas destas son raras pero comezan a suceder.

    Desgraciadamente, unha pequena porcentaxe dos novelistas conseguen vivir de escreber novelas. A grande maioría das novelas galegas están escritas por xente que vive de outro(s) ingreso(s). Ata os novelistas que máis venden acaban ingresando máis por outros conceptos (artigos en prensa, conferencias, libros de encargo) e as regalías da popularidade que das porcentaxes que lles liquidan as editoras. Pouquísimos conseguen establecer relacións contractuais remuneradas coas empresas que os publican ou receber adiantos sobre vendas. A fórmula está complicada e xa estaba complicada antes, non foi a pior coa dixitalización.

    Porén, eu opino que a fórmula salvadora non pasa por establecer tributos lesivos para os leitores. Todos comprendemos que hai que “pagar por mercar” (un libro), mais non “pagar por ler” que é a onde apuntan medidas como a canon de bibliotecas, o canon sobre soportes dixitais ou sobre liñas de banda ancha, etc.

    Supoño que un editor me pode discutir isto co dubidoso argumento de que cada vez que se empresta un libro ou se copia, outro estase deixando de vender.(Que un rapaz da ESO teña que ler, por programa, o Lazarillo, obríago a ter que mercalo? E sen non quere?) Pero o que non entendo é que un autor (visto que os seus ingresos é máis probábel que saian dos beneficios da súa popularidade) arrenegue da difusión masiva das súas obras e intente pórlle trabas.

    Insisto na diferenza: si, desde o momento que a difundes ti estás regalando a túa arte; o que non se regalan son os libros que a conteñen. A cuestión é: estás disposto a difundir a túa arte noutro soporte que non sexan libros? como podes facer render esa difusión? E os libros? Ata que punto están os editores dispostos a que se empresten e se copien? Poden demostrar que eses ‘delitos’ son os causantes da ruina do seu negocio? Desgraciadamente, eu creo que por moitas fotocopias que lle fagas ao Código da Vinci, non vas impedir que sexa un best-seller.

    Comment by galupín — 6, 5, 2005 @ 12:41 pm

  3. Non cabe dúbida de que estamos ante un tema complexo, o río está revolto e xa veremos onde paran as augas. A solución é tan sinxela como que cada quen retribuise coa sua conciencia a débeda acadada co autor e o editor, se oubera, dunha obra que che gustou. Nun mundo perfecto os artistas traballarían de balde e morrerían ricos. Mais nada é tan simple. Un pracer ler o teu blog.

    Comment by lifmialón — 8, 5, 2005 @ 11:03 pm

  4. Si, a cousa ten a súa volta. O mundo -moito me temo- nunca será perfecto e do río revolto seguirán sacando proveito os mesmos pescadores. Pero agora hai máis canas no río, e os peixes debátense sobre que engado deben morder. Beizo na brétema, o pracer é mútuo.

    Comment by galupín — 9, 5, 2005 @ 11:27 am

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here