Galupín

26, 5, 2005

O auténtico Manuel

manuelart Canto mellor non nos iría con este outro Manuel!

Onte saía dun portal de Alfredo Brañas, rosmando nas miñas historias, cego coma sempre aos detalles da rúa, cando unha voz nun instante deume unha viaxe que me puxo patas arriba.

‘Eh, amigo.’

Manuel rondaba as mesmas rúas cando eu cheguei a Santiago hai máis de 25 anos. A súa voz engolada forma parte da miña particular paisaxe sonora do Ensanche, xunto á eterna salmodia murmurada do Catalán -aquel pioneiro grafiteiro que tiña a cidade inundada dos seus herméticos textos a rotulador a finais dos 70-, ao ‘Parahoooy!!!’ estentóreo que percorría a Senra a primeira hora da mañá, á conversa garrula do Selas. Mi madriña. Veume á memoria aquel que facía música con portas, que andaba polo Franco, como se chamaba? Ah, e o cego, aquel cego que cruzaba a zona vella para ir tomar as tazas, co seu bastón e a súa boina, tan maltratado polos mozos… Todo iso me veu á mente.

Eu a Manuel sempre lle merquei. Cando sentía a súa voz, alá ía eu. ‘Eh, amigo. Me compras un dibujo?’ Aínda agora ao abrir algún libro vello, de cando en vez salta das páxinas alguna das súas obras. Houbo unha temporada que só lle mercaba rodas, si, neumáticos, pintaba neumáticos. Eu flipaba. Como Rauschenberg! Facía pop-art. Tamén tiña os seus crocodilos. E coches como o de arriba, tipo Batmobile. Sempre o mesmo formato pequeno, tipo ficha. Perfecto. Portátil. Debuxos claros dunha soa cousa. A súa poética.

Onte merqueille ese coche. Pediume un euro. ‘Fálteme un euro para comer’. Foi unha transacción rápida. Coma sempre. Alegreime moito de velo. Ao cruzar a esquina arrepiei.

3 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://galupin.blogsome.com/2005/05/26/o-autentico-manuel/trackback/

  1. ENCE FÓRA DE LOURIZÁN.
    mani. Sabado 4 ás 20:30.
    Praza da Ferrería.
    Pontevedra. PASAO.

    Poderiades postear algo sobre esta convocatoria? É moi importante!

    Celulosa fora de POntevedra!

    Comment by anti-ence — 31, 5, 2005 @ 6:40 pm

  2. moitos mais recordos de compostela, o que tocaba nas portas era Bretón un home que estaba en Conxo dende a guerra civil.Sería interesante recuperar algnha pintada do catalan

    Comment by gonzalo — 6, 6, 2005 @ 12:15 pm

  3. Exacto, Gonzalo, era o Bretón! Aquela arte de tocar nas portas tivo (e supoño que aínda ten) outro gran exponente en John Balan (este xa non é de Santiago). As pintadas do Catalán… moito me temo que non queda ningunha. Saudades.

    PD. Antience, sinto non publicar a convocatoria. Estiven fóra e só hoxe vin o recado. Non penses que galupín participa da campaña de ocultación dos medios de des-información galegos! Estarei atento ás próximas.

    Comment by galupín — 6, 6, 2005 @ 3:25 pm

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here