Galupín

28, 6, 2005

Saímos da furada

bolboretas Teño que saír á rúa. Rematou o pesadelo. Hoxe a chuvia volta a repenicar alegre no vidro da xanela pregoando a fin da seca. Hoxe é un día que non esquecerei.

Esta noite amámonos cun sorriso na boca. Pousamos logo na cama e a suor facía aínda máis brillante o noso sorriso. A nosa é unha longa historia de amor que comezou en 1990. Falamos os dous ao mesmo tempo para os dous dicir o mesmo: era a primeira vez que faciamos sexo sen un goberno do PP. Aínda non acabamos de crelo. A chuvia limpa agora o desasosego da longa noite.

Non estamos afeitos a gañar. E agora temos que saír á rúa, estar cos outros, repetir as veces que faga falta; gañamos, gañamos, gañamos. Hoxe, por primeira vez en moito tempo, non me vai incomodar o rostro crispado das preas, a súa maldade, o seu resentimento. Non me van arrebatar esta paz que tanto tardou en chegar. Non van impedir que sinta esta estraña reconciliación coa realidade. O futuro comeza a caerme mellor. Hoxe, coma onte, reparo en que hai tantísimo por facer… pero nunca coma hoxe me sentira tan feliz e disposto a facelo. Podo cambiar, podemos cambiar. Onde estivo todos estes anos esta miña simpatía? E este orgullo?

Saímos da furada. A noite acabou. Teño un día enteiro para afacerme a este novo brillo das palabras. Saúde, compañeiros. Será que por fin poderemos ensaiar iso de ser bos e xenerosos?

Que chova!

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://galupin.blogsome.com/2005/06/28/saimos-da-furada/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here