Galupín

20, 9, 2005

Parásito lingüístico

parásitoVelaquí un curioso parásito dos peixes. Primeiro cómelles a lingua e logo colócase dentro da boca da víctima simulando a postura do órgano devorado. Aparentemente, o peixe continúa facendo vida normal, só que agora a súa ‘lingua’ cobra a súa ‘mordida’ de cada bocado que pasa pola boca.

Algún escuro mecanismo do meu cerebro de cefalópodo fíxome pensar de inmediato nun Plan de Normalización Lingüística para os meus colegas submarinos. É posíbel a reimplantación do órgano amputado? Semella que a empresa aínda nunca foi acometida con seriedade. Nun laboratorio veciño intentouse no pasado un coidadoso ensaio -aínda en curso- que procuraba ser pouco agresivo e non traumático para o paciente. Chamouse bilingüismo harmónico e tivo como resultado esta estraña normativa híbrida na que, mal que ben, escrebo. O peixe-paciente ándalle aí, a velas vir. Na sua boca conviven (malviven) un órgano reimplantado para ir tirando (nin arre nin xo) e o parásito rencoroso, que de cando en vez lle manda ao compañeiro unhas chantadas que o deixan teso e tatexante. O peixe bilingüe anda pola vida así como un pouco desganado. De cando en vez ata parece que espabila un pouco, mais non é quen de sair da piscifactoría, onde segue en observación debido á súa preocupante dupla personalidade. Normal. As combinacións posíbeis desta duplicidade lingüística son múltiples, impredecíbeis e ás veces mesmo aberrantes. Resumindo moito, poderíase dicir que o peixe xestiona a través do parásito as principais funcións comunicativas e só se manifesta a través do órgano implantado en determinadas condicións moi específicas. Parece ser que só un reducido grupo de neuronas autoconscientes son capaces de por en funcionamento a escuálida lingüiña, e en moitos casos, para maior asombro, fano para solicitar a súa inmediata extirpación. Polo demáis, o resto das funcións executadas polo implante están determinadas polos exercicios de rehabilitación programados polos doutores do experimento, pero sen moito convencimento e poucos progresos. Máis por cumplir o trámite que por outra cousa. En fin, un caso digno de observar.

O curioso é que últimamente deuse un imprevisto cambio de actitude no peixe. Abandonou o seu antigo e lento esmorecer nas profundidades e achegouse á superficie aletexando con novo pulo. Só que agora os científicos comezan a ver comportamentos inéditos. Suceden estraños fenómenos dentro da boca. A lingüiña laretexa así sen xeito nen modo, ás veces semella só que polo mero feito de moverse e sentirse viva. O parásito, entrementres, continúa impondo a súa autoridade, seguro de si mesmo pero un pouco estrañado pola repentina vitalidade do viciño.

Pero o máis raro de todo é o seguinte: ás veces escoitas falar ao peixe e pareces identificar unha lingua…pero resulta que a que se move é a outra! Abraiante. Arrepiante, segundo din os científicos. Non será para tanto, digo eu. Esa é exactamente a sensación que eu teño cada vez que escoito falar ao presidente Touriño ou á conselleira de Educación.

Como dicía o chosco, veremos a ver.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://galupin.blogsome.com/2005/09/20/parasito-linguistico/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here