Pareidolia
Despois de probar con eidetismo, logo con nefelismo, creo que por fin atopei a palabra que buscaba para unha das miñas inclinacións naturais. Pareidolia. Por fin. Xa era hora. Xa estaba preocupado por non saber como se chamaba aquelo do que teño lembranzas tan nítidas desde…mimá…desde os tres anos! Lembro perfectamente a cara que se percibía na miña primeira carteira escolar. Tiña dous botóns para pechala (os ollos) e un estoxiño trasparente de lápis de cores (os dentes). Lembro aquela cara e atrás ven a experiencia do meu primeiro día de escola. Lembro a quen crucei no camiño, como entrei, onde me sentei e que fixen. Pero a cara na carteira é o primeiro e máis nítido, o detonante. E desde aquela foi un non parar.
Aínda non acabo de explicar por que de pequeno vía a bandeira americana perfectamente definida polas sombras na face da lúa chea (máis ben, por obvio, dame noxo a fácil explicación: cantas veces non vería o vídeo da chegada á lúa na vella tele en b/n?). Pero foi unha fase. Logo comecei a ver unha cara, que polo visto é o máis normal. De feito, a medida que fun medrando, decateime de que o fenómeno debía ser bastante normal e non se trataba de que eu fose unha excepción fenomenolóxica. Aínda hai pouco a pareidolia chegou aos anuncios de tv (un de coches no que se ven caras) e aí atrás quedei flipado por uns cadros de Kukas (unha serie titulada ‘Eidetismo’) na emocionante exposición ‘O lado da sombra’ na Fundación Luis Seoane d’A Coruña.
Fiu! Xa podo pareidolear máis tranquilo.
Ou será que Kukas tamén é un tipo raro? Outro galupín?
Ten tódalas trazas.
