Galupín

23, 9, 2005

Pareidolia

lua Despois de probar con eidetismo, logo con nefelismo, creo que por fin atopei a palabra que buscaba para unha das miñas inclinacións naturais. Pareidolia. Por fin. Xa era hora. Xa estaba preocupado por non saber como se chamaba aquelo do que teño lembranzas tan nítidas desde…mimá…desde os tres anos! Lembro perfectamente a cara que se percibía na miña primeira carteira escolar. Tiña dous botóns para pechala (os ollos) e un estoxiño trasparente de lápis de cores (os dentes). Lembro aquela cara e atrás ven a experiencia do meu primeiro día de escola. Lembro a quen crucei no camiño, como entrei, onde me sentei e que fixen. Pero a cara na carteira é o primeiro e máis nítido, o detonante. E desde aquela foi un non parar.

Aínda non acabo de explicar por que de pequeno vía a bandeira americana perfectamente definida polas sombras na face da lúa chea (máis ben, por obvio, dame noxo a fácil explicación: cantas veces non vería o vídeo da chegada á lúa na vella tele en b/n?). Pero foi unha fase. Logo comecei a ver unha cara, que polo visto é o máis normal. De feito, a medida que fun medrando, decateime de que o fenómeno debía ser bastante normal e non se trataba de que eu fose unha excepción fenomenolóxica. Aínda hai pouco a pareidolia chegou aos anuncios de tv (un de coches no que se ven caras) e aí atrás quedei flipado por uns cadros de Kukas (unha serie titulada ‘Eidetismo’) na emocionante exposición ‘O lado da sombra’ na Fundación Luis Seoane d’A Coruña.

Fiu! Xa podo pareidolear máis tranquilo.

Ou será que Kukas tamén é un tipo raro? Outro galupín?
Ten tódalas trazas.

2 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://galupin.blogsome.com/2005/09/23/pareidolia/trackback/

  1. porqué dis que a expo era emocionante? quixera saber a tua opinión sobre esa mostra…

    Comment by manu — 3, 10, 2005 @ 8:55 pm

  2. Olá Manu. Emocionante porque achei alí moitas cousas que algunha vez pasaran polas miñas mans e non volvera ver desde hai anos; porque é a primeira vez que alguén se preocupou por localizar e redescubrir todo ese material; porque me gusta especialmente o espíritu contracultural dos 70; porque recoñezo as dificultades que no seu momento supuxo levar adiante moitos de aqueles proxectos; porque me lembra algunhas utopías que non puideron ser, a miña primeira mocidade e unha Compostela que xa non existe e porque hai algúns proxectos que terían moito que dicirlle aos actuais ‘alternativos’; porque documenta experiencias que nunca terán presencia na historia cultural oficial; porque dá mostra de visións diversas da cultura e da arte e porque me reencontrei alí con moitos amigos e coñecidos doutro tempo.
    Polo demáis, a organización da mostra pareceume un pouco caótica, pouco informativa e demasiado ambiciosa, abarca un periodo demasiado longo. Moito material alí exposto merecía máis atención e coidado, o visitante necesitaría algún tipo de contextualización para non perderse. Pero ese é o meu criterio. Só espero que unha vez catalogado e recolleito, non se perda ese patrimonio, dea lugar a outras mostras máis específicas e contribúa a sacar á luz outros proxectos que sen dúbida aínda seguirán na sombra.

    Comment by galupín — 4, 10, 2005 @ 9:05 am

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here