Os polbos somos ateos
E a conto da mala reputación dos cefalópodos…si…iso de que nos poñan alcumes como o Kraken etc. e que nos fagan responsábeis das piores trasnadas mariñas (nunca demostradas), pois eu creo que é un contubernio socialcristián dos da cope e aliados debido ao feito por todos sabido de que os polbos somos ateos. Nin agnósticos, nin ateos moderados, nin gaitas. Ateos a tope. Non hai dios que nos contente. E xa vai sendo hora de que nos organicemos.
Sabemos que non estamos sós e que se non somos maioría si podemos ser unha minoría moi influínte agora que tanto se fala de lobbbies. De momento, xa temos unha páxina con datos bastante actualizados sobre os ateos no mundo. Polo que se ve, aínda estamos lonxe por estes lares dos países máis avanzados (Suecia, Vietnam, Xapón, Noruega, Dinamarca, Francia…) pero aí lle andamos, ímoslle dando. Só nos falta acreditar un pouco máis na nosa capacidade e autoconvencernos de que estamos no lado bo. No lado malo están aqueles que disque reciben mensaxes de deus para montar unha guerra (como o inefábel W.), para defender a sacrosanta ‘familia’ heterosexual, para non vender condóns ou para negarlle o pan e a auga aos infieis.
Últimamente, somos moitos os ateos que aínda estamos esperando que a igrexa (tan politizada últimamente que ata vai as manis) se pronuncie sobre a barbarie que está acontecendo na fronteira de arames de espiño. Por que non esgrimen agora os seus tan elevados ‘valores’? Que din os misioneiros?
