Galupín

23, 10, 2005

A cidade da cultura… chinesa

china Lonxe fican os días nos que a única ligazón existente entre a cultura chinesa e a galega era Ben-Cho-Sey. Hoxe, o 90% dos obxectos dos nosos fogares, desde os pratos e vasos, ata a roupa, as sabas, as toallas, o papel, ata os aparellos electrónicos, son Made in China. As tendas e restaurantes chineses sustitúen o noso tradicional comercio e acabarán fagocitando ata a feira de Padrón. Ninguén dubida de que o proceso de inmersión cultural é imparábel. Mentres o capitalismo occidental se debate na encrucillada, o puxante nonseiqueismo productivista chinés é o novo paradigma do progreso universal. Vencerán sen dúbida na carreira espacial. A NASA está de capa caída. Non tarda en chegar a segunda revolución cultural, e desta vez terá un carácter expansionista. Está a Galiza preparada?

China é a nova fronteira que acabará cos nosos problemas de alineación e coa nosa endémica indefinición. Nunca apostou Galiza decididamente por unha alianza forte. Somos medio españois, medio portugueses, medio europeos, medio sudamericanos, na Galeuzca sempre fomos arrastro, non temos grandes aliados fóra da nosa viciñanza. Nin nós nunca quixemos moito, nin tampouco a nós nos quixeron. Somos un pouco coma eles, os chineses. Un caso aparte. Pero mentres a nosa civilización se debate por sobrevivir, a súa rexorde con renacido pulo (aínda que compartamos idéntica política de natalidade). Abracemos hoxe sen remisión a irmandade galego-chinesa. Sexamos serios por unha vez. Apostemos polo seguro.

As vantaxes desta proveitosa alianza non caben neste modesto blog. Todo o mundo sabe que a China será o próximo gran fornecedor de clientes no mercado turístico e que é o principal fabricante de paraugas. Polo que sabemos, o chinés gosta das patacas, da empanada, do churrasco, dos mexillóns, do polbo á feira e da pachanga. Que carallo estamos esperando? O único que falta e achar un símbolo e un acto que lle dea forma ao noso irmanamento, por iso propoño (para rematar dunha vez con ese estúpido debate) que lle ofrezamos ao milenario pobo chinés o recinto da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela para que acabe as obras dun carallo dunha vez e instale alí a súa ponta de lanza da segunda revolución cultural. Un centro de referencia no Occidente da cultura china, un polo de atracción para a súa expansión e un centro de intercambio das nosas culturas irmás.

Por Confucio e por Rosalía. Por Mao e por Castelao. Viva a irmandade galegochinesa! Viva a segunda revolución cultural!






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here